MEXAN POR NÓS E SABEMOS QUE NON CHOVE
Nós, a xeración que, por vez primeira en moito tempo, teremos menos dereitos e posibilidades de futuro que os nosos pais e nais; aquelas persoas que investimos moito tempo e cartos das nosas familias en nos formármos; aquelas que medramos a carón da TV a prometernos un mundo de fantasía onde todo o mundo había de ser rico; aquelas que pensabamos que viviamos en democracia, estamos fartas de que mexen por nós, estamos…
* fartos de que os bancos e grandes empresas, responsábeis da crise, salvados con cartos públicos de todos nós, agora repartan dividendos milmillonarios entre os accionistas.
* fartas de que se recorten os cartos para servizos públicos básicos, como a Sanidade ou a Educación, coa escusa da crise cando o défice público foi xerado por salvar o grande Capital.
* fartos de que desde os medios de comunicación se culpe sempre da crise as persoas e grupos sociais máis débiles: nin a inmigración, nin as pensións, nin outras axudas sociais, nin o gasto en servizos públicos básicos son responsábeis da crise.
* fartas dun sistema económico que mantén a 1.500 millóns de persoas na extrema miseria, que mata diariamente a 50.000 persoas por causas relacionadas coa fame, que escraviza adultos e nenos, para que 1% da poboación acapare 40% da riqueza mundial.
* fartos de que o produtivismo conduza a traballadores e traballadoras á miseria e escravitude; e ao planeta ao colapso ambiental.
* fartas da ruptura entre as forzas políticas e as aspiracións da xente.
* fartos de ser tidos en conta só como consumidores e non como persoas.
* fartas de termos que emigrar de Galiza por obrigación, para ter traballo, e fartas de traballos precarios no noso país, onde 20% das persoas están no límite da pobreza.
* fartos de que o noso pais non poida desenvolver os sectores produtivos básicos por estar suxeito a unha lexislación estatal e europea que condena Galiza a ser fonte de man de obra e de produción de enerxía.
Non cremos no engano de que as reformas sociais que benefician aos poderes financeiros son inevitábeis; non cremos o que nos venden de que “vivimos no mellor dos mundos posíbeis”. Cremos que hai alternativa, se nós a facermos realidade, que hai outra maneira de xestionar a economía, póndoa ao servizo da xente.
Queremos un outro mundo…
* onde o dereito á alimentación, á saúde, á vivenda e á educación sexan inalienábeis.
* onde o traballo se organice para o ben común e a felicidade, e non para a acumulación de riquezas dos menos e a explotación dos máis.
* onde se garanta a soberanía alimentar dos pobos do mundo.
* onde haxa democracia directa e participativa, unha cultura cívica que posibilite que toda a xente poida participar e deba implicarse en todos os asuntos que os afecten.
* onde as finanzas estean controladas e ao servizo da xente e do planeta.
* onde os pobos do mundo se relacionen en igualdade.
Un mundo onde as prioridades sexan as persoas: o igualitarismo, a fraternidade, a non explotación – nin de xénero, nin de clase, nin duns pobos sobre outros –, a liberdade, o respecto aos límites ecolóxicos do planeta. Nunha palabra: a FELICIDADE.
Por iso, as mozas e mozos que creamos este manifesto facemos un chamamento á mocidade galega e a toda a sociedade para construírmos desde a Galiza a alternativa a este mundo tolo, movemento en que participemos xente moza e organizacións baixo a bandeira común da loita contra o Capitalismo e por unha orde social xusta. Para iso, convidámosvos a participar nunha asemblea aberta, con lugar e data por decidir entre toda a xente que nos unamos.
Únete, para que deixen de mexar por nós.
Uníndonos transformaremos a Galiza e o mundo!
Galiza, maio de 2011.