Podes ver a lista de todas as acampadas galegas e como seguilas nesta páxina: http://ir.gl/acampadas-galegas
Grazas a @eupiper, podes baixar aquí o .pdf do libro 'Indignádevos!' de Stéphane Hessel en galego: http://ir.gl/indignadevos

29/05/11

Grupo de debate no facebook: #galizarevolution

Logo da xuntanza de Compostela acordamos crear un grupo novo de debate no FB, chamado #galizarevolution. Solicitade entrada nel aquí.



27/05/11

Palabras antes de mañá

Dicir que, malia ter impulsado #galicianrevolution - dende antes de haber acampadas -, aínda non temos certezas de que isto sexa o mellor que se poidera ter feito - coa dúbida sempre se avanza -, que non pretendíamos xerar desconfianza nas prazas - moitos participamos nas concentracións en distintos lugares -, que só queremos aportar a visión á revolta dende a Galiza. Nin sequera somos unha organización, só xente que debatimos.
Somos xente que nos imos reunir para debater pero que tamén queremos participar na asemblea do Obradoiro individualmente, como xa moitos de nós viñemos facendo. Isto non é división, é diversidade, debate, etc. Non é o noso ánimo dividir, ao contrario, queremos unir.
Ánimo para as persoas que acampades, para as que non poidestes ir ás acampadas, para aquelas que loitades día a día por un mundo mellor.



É precisa unha #galizarevolution?

A idea dun movemento propiamente galego de indignación – inserido no contexto mundial – xurdiu a primeiros de maio dun grupo de mozas e mozos de distintas comarcas galegas e distintos ámbitos sociais e políticos que críamos que a resposta á falta de “democracia real” tiña que ter en conta tamén a situación de Galiza como “nación oprimida”, e con ela a solidariedade con todos os pobos do mundo. Xa dende as protestas en Portugal da Geraçao à rasca nos rondaba a idea na cabeza, pois somos xente que queremos facer nacer un modelo de sociedade novo dende o noso recanto do globo terráqueo.

Ademais, dende o principio consideramos moi importante dispor dun “caixón das ideas”, dun think-thank, a libre disposición, co obxectivo de facer unha especie de “argumentario” ou charla tipo, ou presentación de diapositivas coa que cada persoa que o desexase puidese explicar á xente máis moza – e a toda a xente, de calquera condición – cómo funciona o mundo, organizando charlas, encontros ou coloquios nas distintas localidades da Galiza. Algo didáctico e moi sinxelo, tendo en conta que a concienciación, o coñecemento é o primeiro paso para a rebelión.

Con estas ideas iniciais lanzamos na Rede a pregunta – aquí non hai certezas –: é preciso uha rebelión galega? Así, puxemos en marcha este blogue (http://mexanedinquechove.blogspot.com/), un manifesto de partida e unha frase típica galega dos tempos do Fragasaurius como lema para expresarmos a indignación: “mexan por nós e quérennos dicir que chove”. Definíamonos así: “En "Mexan por nós" somos xente que queremos vivir en democracia, nunha democracia de verdade, con decisión sobre os asuntos económicos, sen oligopolios económicos, mediáticos nin de ningún tipo, que queremos poder vivir dignamente na nosa terra, que non queremos seguir a destruír o planeta nin que a maior parte da humanidade viva na miseria para que unha minoría de ricachóns gañe cada vez máis.”

A partir de aí a xente interesada foise anotando nun grupo creado no Facebook (#galicianrevolution, que agora se chamará, tras votación, #galizarevolution) e dende o 15M foron xurdindo debates e propostas de acordo sobre un movemento, ou corrente de pensamento, “galeguista” de indignación e rebelión.

Somos xente moi diversa, que participa ou non en forzas políticas do eido nacionalista e en movemento sociais. Ao principio estabamos algo desorientados/as coas mobilizacións, pois as mensaxes que se recibían e as experiencias dalgunha xente eran de seguidismo acrítico das propostas da Porta do Sol, mais este movemento chamado do 15M é complexo e foi evolucionando dende o primeiro día, a xente que está nas prazas foi collendo experiencia e organizándose cada vez mellor. Por exemplo, a xente máis moza foi aclarando que o movemento non era “apolítico” – como inicialmente se definía –, senón “apartidista”, a acampada de Compostela amosou o seu desacordo con puntos do manifesto da porta do Sol, comezouse a empregar o galego, incorporouse a cuestión de xénero, etc. E, unha das cousas máis interesantes: o respecto a todas as opinións e o ambiente de creatividade e irmandade que se vive.

Neste grupo de debate na Rede pola revolta galega, fóronse decantando dúas posturas: a de quenes queren crear un movemento propio, que trascenda as prazas, que inclúa nas reivindicacións de democracia real o dereito autodeterminación e a de quenes individualmente aspostan por ir ás concentracións e falar alí, aportando ideas do eido nacionalista, nun diálogo recíproco entre a xente que se sumou por primeira vez ao activismo político e a que xa leva anos. De feito, a maior parte da xente da #galizarevolution participou nas concentracións.

En todo caso, ambas posturas non son excluíntes e rematamos por concretalas en, por unha parte, crear unha comisión organizadora da #galizarevolution, que se encargue da convocatoria de asembleas e concentracións, coordenar accións e completar o manifesto ou facer un consenso de mínimos galego, recollendo propostas, pondo unha data concreta para acadar ese consenso de mínimos, etc. A data para constutuír esa primeira coordenadora ou comisión é o sábado 28 de maio e o lugar Compostela. Por outra parte, apostamos por ir individualmente ás concentracións galegas con propostas concretas, algo que xa está facendo moita xente nacionalista dende os primeiros días. Do debate do grupo na Rede xurdiron moitas propostas para o debate, coma a reivindicación do exercicio do dereito á autodeterminación para todas nacións sen estado, a Renda Básica de Cidadanía, a liberdade cultural e mediática, a problemática do agro galego, a derrogación da Lei de Augas, a circunscripción electoral única para Galiza e moitas outras propostas en distintos eidos.

Ademais, tamén foron plantexadas accións concretas. Por unha parte, propostas de accións locais – cunha lectura global á vez – coma concentrarse diante de Marineda City en defensa do pequeno comercio galego fronte ás grandes superficies e multinacionais ou tomar simbolicamente a Deputación de Ourense. Propostas máis xerais foron a de ocupar a TVG e a de facer unha queima simbólica nas prazas de exemplares da prensa do sistema. Tamén se plantexou a retirada de diñeiro dos bancos ou adherirse á plataforma que ten presentada unha denuncia contra as axencias de calificación da débeda dos estados.

A idea máis repetida e da que máis gosta a xente é a de vontade de diálogo, de contacto humano, de aprendizaxe mutuo, de chegar a uns mínimos en común entre a xente que temos conciencia galeguista e a que se achega ao activismo por vez primeira.

Ás 13:35 horas do 27 de maio de 2011 eramos 743 integrantes do grupo de debate do facebook #galicianrevolution. Máis información (de momento) neste grupo do facebook, que logo se mudará a #galizarevolution. Agardamos que a experiencia do 28 de maio sexa positiva e o inicio dun longo camiño emancipador.

MEXAN POR NÓS E QUÉRENNOS DICIR QUE CHOVE




26/05/11

Conclusións do debate sobre a #galizarevolution (actualizado)